luns, 25 de abril de 2016

PROPOSTA COEDUCATIVA DE UNIDADE DIDÁCTICA DE EDUCACIÓN MUSICAL

Co gallo das letras galegas, neste artigo do blogue quero facervos unha proposta resumida de unidade didáctica coeducativa para traballar a Semana das Letras Galegas nun centro de educación especial, pero que pode ser adaptada (incrementando o nivel dos contidos) para 3º, 4º, 5º e 6º curso de Primaria, e tamén traballar na ESO.

1. PROPOSTA COEDUCATIVA DE UNIDADE DIDÁCTICA DE EDUCACIÓN MUSICAL.
UNIDADE Nº 8. A MÚSICA PROPIA DA CULTURA GALEGA CO GALLO DAS LETRAS GALEGAS DENDE UNHA PERSPECTIVA DE XÉNERO FEMININISTA.
Por Andrés Santamaría Alonso. Mestre de música no CEE Saladino Cortizo.

2. ETAPA/CICLO EDUCATIVO Á QUE VAI DIRIXIDA; OU, NO SEU CASO, PERFIL DO ALUMNADO.
Inicio
Alumnado do 2º ciclo do CEE Saladino Cortizo (12 a 16 anos), concretamente con menor afectación intelectual dos grupos 2º “X” (3 varóns e 3 mulleres) e 2º “Y” (4 varóns e 3 mulleres), titorizados por unha especialista en Pedagoxía Terapéutica e que reciben dúas sesións de música á semana. Son adolescentes con intereses propios da súa idade coa disincronía dunha competencia curricular de primaria debido a que presentan necesidades educativas especias derivadas de discapacidade  cognitiva leve ou border-line, que escolarizados na E.S.O, reciben en música sendas Adaptacións Curriculares Significativas que teñen o referente no 1º, 2º ou 3º curso do Decreto 105/2014, de currículo de educación primaria de Galicia.

3.OBXECTIVO/S DA ACTIVIDADE/DINÁMICA
Obxectivo xeral. Coeducar dende a perspectiva feminista de xénero; a través da música galega: tradicional, de autora ou en lingua galega; para descubrir estereotipos, roles e mitos sexistas e salientando a galegas senlleiras.
Obxectivos específicos.
a) Reproducir coreografías sinxelas de muiñeiras asumindo indistintamente o rol propio ou alleo de xénero masculino ou feminino na danza.
b) Reproducir letras de cancións da tradición popular galega, poemas musicalizados de poetisas galegas e de cantantes galegas.
c) Reproducir ritmos sinxelos presentes nas cancións propias da cultura galega.
d) Entoar melodías de cancións tradicionais, poemas e cantantes de Galicia.
e) Concienciar sobre os roles e estereotipos sexistas presentes en cancións galegas.
f) Criticar mitos do amor romántico presentes en letras de cancións galegas.
g) Reproducir melodías de cancións galegas en instrumentos musicais diversos.
h) Identificar intérpretes femininas senlleiras de instrumentos tradicionais galegos.
i) Recoñecer o papel de mulleres senlleiras na nosa música de Galicia.

4.CONTIDOS 
Contidos en relación á educación na igualdade de mulleres e homes.
a) Estereotipos de xénero: Identificación de prexuizos e estereotipos de xénero presentes nas letras de cancións. Discusión sobre os estereotipos de xénero.
b) Corresponsabilidade e posta en valor do doméstico e coidado: A separación de tarefas en propias de homes e mulleres na letra do canto de berce “O meniño está no berce, quen lle vai a dar as papas (BIS). Túa nai estache na misa e teu pai estache coas vacas (BIS) Ai lalalalalalelo Ai lalalalalalalalala”.
c) O xogo e orientación profesional. Visibilización da ruptura dos roles profesionais de intérpretes de música galega coma no caso das mulleres gaiteiras.
d) Visibilización das mulleres no distintos ámbitos de coñecemento. A figura de Rosalía de Castro no Rexurdimento e no inicio da revolución feminista. Mulleres que destacan na música galega como cantantes ou gaiteiras.
e) Linguaxe e imaxes non sexistas. Exisencia de utilización de linguaxe non sexista na aula. Rexeitamento das imaxes sexistas.
f) Erradicación do sexismo na aula e espazos comúns. Respecto e igualdade no trato de mozas e mozos. A aula de música: espazo común para todas e todos.
g) Resolución pacífica de conflitos. A socialización nas actividades grupais de baile, canto e práctica instrumental. Uso do diálogo na resolución de conflitos.
h) O mito do amor romántico e as relacións de parella en igualdade. Discusión para desmontar mitos de amor romántico presentes en cancións galegas.
i) Os micromachismos e novos modelos de masculinidade. Asunción indistinta na muiñeira de roles de xénero asignados ao propio sexo e ao contrario.
j) Mitos e realidades arredor da violencia de xénero. Abordaxe da letra da canción “Túa nai e meiga, teu pai un mal home” para desmontar mitos arredor da violencia de xénero e detectar posibles situacións de violencia sufridas no fogar.
k) Traballo co distintos medios de comunicación audiovisuais. Emprego das TIC para achegar, ao alumnado, os contidos en vídeo, en Presentación ou cancións de pictogramas de ARASACC.

Breve resumo doutros contidos propios da educación musical.
Contidos conceptuais: conceptos, feitos e principios. Repertorio de baile tradicional galego: muiñeiras e valseiros. Repertorio de música galega de orixe popular, de autora ou autor. Poemas en lingua galega musicalizados. O folck-rock galego. O Hino do Celta de Vigo como manifestación musical en lingua galega.
Contidos procedimentais: técnicas e estratexias.
Realización de pasos básicos de baile galego en coreografías adatadas. Seguemento de musicogramas asociando cada frase musical a pasos de baile. Lectura de letras de cancións empregando estratexias de comunicación aumentativa: pictogramas, linguaxe de signos, musicogramas, presentacións e vídeos. Aplicación dos rudimentos da técnica vogal ao canto de cancións en lingua galega. Exploración de elementos rítimcos e melódicos con prosodia rítmica. Interpretación, con percusión e teclados, de fragmentos e/ou pezas galegas. Improvisación musical sobre instrumentos e sonoridades típicamente galegas.
Contidos actitudinais: actitudes, valores e normas.
Reflexión crítica sobre a primacía do xeito de baile masculino sobre o feminino. Desfrute da asunción de roles de xénero alleos como xogos de roles e dramatización. Discusión dos prexuizos e estereotipos sexistas que transmiten as cancións. Concienciación dos mitos do amor romántico presentes en letras de cancións. Valoración das aportacións da música tradicional galega á música actual: no folck-rock, en cancións de autora, en musicalizacións de poemas da literatura galega e nos instrumentos empregados no folk galego. Valoración da influencia da música tradicional no Hino do Celta de Vigo.

5.DESENVOLVEMENTO/DESCRICIÓN (describir a metodoloxía, é dicir, como se desenvolve a actividade/dinámica).
En cada sesión estableceranse tres momentos: un de baile, outro de canto e un último de interpretación instrumental.

Momento de baile galego: Tras o seguemento de musicogramas e a asociación de música-pasos de baile, realizarase a coreografía adaptada da Muiñeira de Chantada (ABCABCABC), Jota e muiñeira de Silvela e/ou Valseiro e Muiñeira doCaurel  (ABABCDCDCDCDCD). Aprenderase o xeito propio de levantar máis os brazos os homes que as mulleres, o agarre de parellas do home na cintura e muller no ombreiro, e guía un bailador. Logo propoñerase ao alumnado o xogo de facer parellas mixtas ou non, nas que as persoas poidan actuar como bailadores ou bailadoras independentemente do sexo, ata que todo o mundo baile como persoas do sexo contrario.

Momento de canto: Logo de breves exercicios de técnica vogal, aprenderánse unha ou dúas cancións en cada sesión, de maneira que todas se traballen ao longo da unidade didáctca. Empregarase a lectura de imaxes, a lingua de signos e a lectura como medios para acceder á memorización de parte ou a totalidade das letras, apoiada de presentacións con pictogramas ou vídeos de cancións en pictogramas.
Cada canción poderá dar lugar a un debate posterior. O canto de berce: “O meniño está no berce” dara pé a distucir a corresponsabilidade das tarefas domésticas. A canción basada no poema Adios Ríos adiós fontesen versión tradicional ou en versión folk-Rock do grupo Astarot de Cangas, axudará a visibilizar á figura literaria da senlleira Rosalía de Castro. Cancións populares como A Saia de Carolina ou de autora como Túa nai é meiga dasenlleira Uxía Domínguez, ou o Hino do Celta (o fútbol non é necesariamente cousa de homes), servirán para o debate encamiñado a desmontar estereotipos de xénero. Poemas musicalizados como Quen puidera namorala ou Lela en versión tradicional ou Folk-Rock servirán para desmontar estereotipos de xénero, e tratar o mito do amor romántico e as relacións de parella en igualdade, podendo facer contracancións en crave feminina. Túa nai é meiga, pode introducir o debate sobre mitos e realidades arredor da violencia de xénero.


Momento de interpretación: O alumnado interpretará sinxelas partituras en sonocores de fragmentos das cancións anteriores en teclados ou improvisará con instrumentos de percusión sobre a audición das pezas anteriores. Visibilizarase o papel de mulleres gateiras mediante o debate e visionado de vídeos das senlleiras: Susana Seivane, Magoia Bodega ou Cristina Pato.

6.MATERIAIS NECESARIOS para a súa realización.
A aula de música, as cancións en Pictogramas de ARASACC, vídeo e/ou Presentación; instrumentos de percusión similares aos datradición galega (bombo, caixa, pandeiros, pandeiretas), teclados en timbre de gaita, violín, frauta ou acordeón, ordenador de aula (preferentemente con pizarra dixital).

7.TEMPO ESTIMADO de realización.
Un total de 8 sesións nun mes, do 25 de abril a 22 de maio (dúas por semana). Aínda que o currículo de Primaria establece unha sóa hora de música á semana, o noso centro de educación especial pode, en virtude das adaptacións curriculares que se fai por cada alumno, modificar todos os elementos do currículo, o que permite que algún grupos reciban dúas sesións de música á semana.

8. RESULTADOS ESPERADOS.
Ademáis dos evidentes resultados musicoterapéuticos esperados: mellora da psicomotricidade global mediante o baile galego, a mellora da linguaxe mediante o canto, e a mellora da psicomotricidade fina na interpretación instrumental; coa aprendizaxe de muiñeiras, cancións e partituras de música galega; espérase acadar unha sensibilización  respecto á: valorar a Rosalía de Castro como fundadora do Rexurdimento e principal persoa que loitou polo noso idioma facendo achegas importantes á recuperación da nosa cultura, ao tempo que co seu celme foi precursora do feminismo en Galicia; identificar determinados aspectos sexistas no baile galego (diferenciación do baile por sexos onde o bailador un home manda), identificar estereotipos de xénero nas letras das cancións galegas tradicionais ou de autora, para (dende o respecto polo tradicional presente na cultura galega), desmitificar o amor romántico e salientar ás mulleres cantantes e gaiteiras.

9. CONCLUSIÓN.
En resumo, con esta tarefa pretendo describir resumidamente as modificacións que dende unha perspectiva coeducativa, realizarei á unidade 8 da miña programación.

1 comentario:

  1. Labi raksti, vai esat dzirdējuši par Benjamiņa kungu, E-pasts: Lfdsloans@outlook.com --WhatsApp Kontaktpersona: + 1-9893943740--, kuri strādā ar finansēšanas pakalpojumu, viņi piešķir man aizdevumu USD 95 000,00 apmērā mana biznesa uzsākšanai, un es viņiem katru gadu maksāju Nu jau divus gadus, un man joprojām ir palikuši 2 gadi, lai gan man patīk sadarboties ar viņiem, jo viņi ir īsti aizdevumu aizdevēji, kas var jums sniegt jebkāda veida aizdevumu.

    ResponderEliminar